A Historia da Ermida de Camelle e das capelas de Arou e Santa Mariña

|

ERMIDA DO ESPÍRITU SANTO DE CAMELLE



Capelacamelle


No 1718, segundo un documento no que resaltan os bens do Conde de Altamira, Camelle só contaba con 11 ou 12 casas e a ermida do Espírito Santo foi ampliada e reformada moitos anos despois.



A capela do Espírito Santo está situada no centro urbano, e dende 1964 fai de igrexa parroquial, cando os núcleos de Camelle e Arou pasaron a formar a cuarta parroquia de Camariñas.



O Espirito Santo tamén conserva a súa lenda de aparición. Esta conta que a talla na que está representada esta imaxe, foi recollida por un mariñeiro camellán do interior dun bote de madeira que chegou a praia, denominada precisamente Area do Bote, onde tamén hai unha fonte de auga milagreira (a Fonte da Area). A imaxe foi recollida e colocada no altar da ermida que había. Houbo un creo que quixo trasladar a imaxe do Espírito Santo para a Igrexa de San Pedro de Ponte do Porto, pero ó chegar ó lugar do Rodeiro, comezoulles a pesar tanto que os homes que a levaban non podían con ela e tiveron que dar volta e puxérona no mesmo lugar no que se atopaba, na urna da sancristía.



Consta dunha soa nave, de reducidas dimensións porque unha parte do espacio ocúpao a sancristía, situada detrás do altar maior. Esta ten dúas plantas, a superior daba a un balcón que sobresae no muro sur. Hoxe vese a sua saída tapiada.



A fachada é lisa, cunha portada alintelada. Na parte superior sitúase unha espadana con tres machóns e dous ocos con dúas campás. A pequena pertence ó buque inglés "City of Agra", que naufragou no ano 1897, á entrada da enseada de Arou. Foi doada á igrexa pola Estación de Salvamento ubicada neste porto. 


CAPELA DE SAN BARTOLO- AROU 


A finais do século XVI, xa existía a capela de San Bartolo, propiedade do mosteiro santiagués de San Martin Pinario. No 1791 nunha visita pastoral dáse orde de pechar esta ermida polo seu estado ruinoso. A capela actual é unha construcción do ano 1972, feita con materiais modernos, sen valor arquitectónico. 



Consta dunha soa nave, con fachada en pentano, con porta rectangular e unha fiestra redonda enriba rematando nunha pequena espadana con dúas campás. O único retablo que ten é o dedicado a San Bartolo. 


CAPELA DE SANTA MARIÑA 



Capelasantamarina


Onde hoxe se sitúa este lugar do Concello de Camariñas, é onde posiblemente estivo ubicado o mosteiro de Santa Mariña de Tosto, quizais sexa un dos focos mías antigos de cristianización destas terras. A situación neste lugar retirado poido estar relacionada coa cristianización dalgún culto pagán, dedicado á algún elemento natural, tal vez ás augas ou á fertilidade, xa qeu Santa Mariña foi unha lendaria mártir, procedente de Antioquia; e o Oriente simbolizaba os cultos ás augas e favorecían as colleitas. O pai Yepes, cronista bieito, dinos que fundación deste pequeno mosteiro é antiquísima e que debido á apropiación dos seus bens polos foráneos que se achegaban por mar, os monxes que moraban por aquí víronse na obriga de abandonar o lugar e refuxiarse no mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago.


Nota 1: O texto foi recollido do traballo ''Inventario de Recursos Turísticos de Camariñas(Tomo I)''. Descoñecemos si é dalgún autor/a en concreto ao non ser citado ningunha fonte no mesmo. Si o texto é recoñecido polo seu autor/a, por favor remitan un comentario para de inmediato facer mención o mesmo.


Nota 2: O texto corresponde o traballo ''Inventario de Recursos Turísticos de Camariñas (Tomo I)'' para o Concello de Camariñas, sendo as autoras do mesmo, María Barca Miñones e María del Carmen Varela.