Historia e tradición da Capela da Virxe do Monte

|

Nas aforas da Vila de Camariñas atopamos a Capela da Virxe do Monte. Sitúase nun promontorio rochoso fronte á punta da Barca, dende a que se domina o Cabo Vilán e Muxía.


Foi construída no século XVIII. Ten unha nave de planta rectangular, muros recebados e cuberta a dúas augas que se prolonga cara o lateral para cubrilo nártice. A fachada principal é moi sinxela e simétrica na súa composición: muros de cachotería, ten unha porta rectangular sen decoración e unha ventá que segue o mesmo esquema compositivo. Recorda o conxunto un pequeno campanario a modo de espadana, cun só oco formado por un arco de medio punto. No seu interior, unha cuberta de formigón engadida a mediados do sécullo XX, substitúe a anterior de madeira. 



Capelavirxedomonte


A devoción popular deu lugar a unha romaría que se celebra o Luns de Pascua, é o único oficio que se celebra ó ano nesta capela. Ese día, os romeiros acoden a ''ofrecer'' ás persoas ausentes, ós pescadores en faena, navegantes ou emigrantes. É, ademáis, avogada das dores de cabeza e outros males psiquiátricos. Seguindo a tradición, cando a persoa ofrecida está ausente, préndese unha vela que arde ante a imaxe, para que esta Virxe, que apareceu segundo a lenda no mar, se acorde do ofrecido. Testemuño de todos estes rituais son os exvotos de barcos que aparecen no recinto.


A tradición conta que esta Virxe era irmá da Virxe da Barca e cada unha delas instalouse nun lado da Ría de Camariñas. A Virxe avisaba ós mariñeiros cando había tormenta para que non saísen a navegar. Estes, na súa honra, erixiron unha igrexa en Camariñas pero foi destruída por unha tormenta. Tempo despois a imaxe da Virxe apareceu onde hoxe está emprazada a Capela.

A vella costume de invocar a esta Virxe para a protección das colleitas ou a protección da fecundidade fainos pensar na existencia neste lugar dun culto á fecundidade como sucedeu nas pedras de Muxía ou no monte San Guillerme de Fisterra. Esta invocación foi cambiando co paso do tempo entre a xente de Camariñas que ante unha maior inclinación mariñeira, pedíalle a Virxe do Monte protección para os homes que saían ó mar. En tempo de navegación a vela, nesta ermida tiña lugar o rito de cambio de tella, consistente en coller unha tella do lado onde sopraba o vento e colocala no lado oposto para que este cambiara e as embarcacións pudieran arribar a porto. Na actualidade este rito foi substituído pola ofrenda dunha vela e de misas á Santa cando marcha algún mariñeiro a navegar ou emigra algún familiar. Tamén se soe invocar a Virxe cando se produce o seu retorno.


De seguro que este santuario tivo a mesma orixe que os demais que están situados ó longo desta costa, como por exemplo San Adrián de Malpica, a Virxe da Barca ou o Cristo de Fisterra; todos eles cumpriron a misión de cristianizar lugares de antigos cultos pagáns.


O feito de que este santuario non acadara a importancia dos outros tres posiblemente sexa pola súa situación máis retirada con respecto ó núcleo urbano de Camariñas ou á gran sona que acadou á Virxe da Barca, eclipsando ó da Virxe do Monte pola súa proximidade. Aínda que houbo tanta devoción neste santuario como nos outros xa mencionados.



Procesionvirxedomonte




Nota: O texto corresponde o traballo ''Inventario de Recursos Turísticos de Camariñas (Tomo I)'' para o Concello de Camariñas, sendo as autoras do mesmo, María Barca Miñones e María del Carmen Varela. O DC recuperará estos textos para ir desgranando cada semana aspectos e detalles dos nosos moitos recursos turísticos e poder transmitilos a cidadanía.