A Historia do Castelo ou Batería do Soberano en Camariñas

|

Lugar: Punta do Castelo

Parroquia: San Xurxo de Camariñas
Cronoloxía: Século XVIII
Estilo: Fortificación militar




A finais do século XVI proponse a fortificación de boa parte da costa galega, provocada pola intensidade nas incursións inimigas de piratas e invasores nas nosas terras ( vikingos, mahometanos, ingleses e franceses) durante os séculos XVI, XVII e XVIII. 




O Castelo do Soberano foi unha obra de fortificación iniciado polo Marqués de la Ensenada. A idea do Castelo era de 1740 aínda que a súa traza estea firmada por Francisco Llovet en 1755 en Ferrol. O Castelo creouse para defenderse dos ataques que realizaban os piratas e invasores ós barcos e vilas de Camariñas. Fixéronse catro proxectos a cargo dos enxeñeiros militares: La Ferrieré, Llovet e Marín. 




Francisco Llovet en 1753 fixo un proxecto de catro baterías (unha na Punta Merexo, outra na praia de Barreira, outra na península da Insuela e outra na Punta do Boi) para defendela Ría de Camariñas, pero só se construíu a Batería do Soberano en honor ó Rei Carlos III (1759-1788). 




Cara a mediados do século XVII empézanse a proxectar outras fortificacións para a defensa desta zona costeira: a do Cardeal en Corcubión, a do Príncipe en Cee e a de San Carlos en Fisterra. Foi no ano 1801 cando se fixo outra batería en Muxía para defendela totalidade da Ría de Camariñas. 




A Batería do Soberano constaba, na fronte que da a terra, dun recinto amurallado de forma poligonal (propia da arquitectura militar da época) cun baluarte no medio do lenzo, polo que se realizaba a entrada desde un lateral, e dous medios baluartes nos extremos, deixando un foso no medio; combinábanse baluartes triangulares ou apuntados con outros rectos onde se situaban os accesos á fortaleza. Cara ó mar o recinto cúrvase, adaptándose ó promontorio rochoso sobre o que se asentaba, para albergar dezasete troneiras (de catro metros de espesura e un ángulo de tiro de 180º) con candanseus canóns. Entre ambos, dous corpos servían de polbeira, almacén e acuartelamento. Por terra, o muro defensivo abangue unha fronte de 120 metros con tres baluartes apuntados repletos de aspilleiras noutrora e unidos por dous lenzos de muro en liña recta. No seu interior as dependencias da guarnición illaban os accesos por terra da súa grande esplanada interior de mási de 3.500 M2. Na parte exterior dispoñían dun sistema de foxos, que xunto coas troneiras e as aspilleiras defendían a entrada ó recinto. 




Estaba construido con grandes perpiaños de granito e actualmente só se conserva os cimentos e a parte baixa do muro exterior. Perdida a súa utilidade como recinto defensivo, o Castelo do Soberano desmontouse nos anos 40 para utiliza-los perpiaños na construcción do actual peirao, onde poden verse os canóns servindo de bitas para o amarre dos barcos. 



Castelodosoberano1

(Na imaxe, plano do Castelo do Soberano)



Nota 1: O texto foi recollido do traballo ''Inventario de Recursos Turísticos de Camariñas(Tomo I)'' para o Concello de Camariñas, sendo as autoras do mesmo, María Barca Miñones e María del Carmen Varela. 


   Historia e tradición da Capela da Virxe do Monte
   A Historia da Ermida de Camelle e das capelas de Arou e Santa Mariña
   El viaje de Alfonso IX y la Casa do escudo de Xaviña por Rafael Lema