A produtora e distribuídora cinematográficaVÍA LÁCTEA FILMES, co apoio da DEPUTACIÓN DA CORUÑA, desenvolverá entre outubro e decembro de 2018 o plan de distribución e exhibición "SICIXIA NA PROVINCIA DA CORUÑA", que levará a longametraxe Sicixia. Paseo polo amor e a Costa da Morte (Ignacio Vilar, 2016) en VO gal a diferentes concellos da provincia.
A provincia da Coruña, e de maneira moi especial a Costa da Morte, é a protagonista indiscutible de Sicixia. A riqueza das paisaxes e os sons deste recuncho único no mundo, que ofrecen ao espectador a posibilidade de espertar os sentidos ante unha obra cinematográfica espectacular para a vista e o oído; o delicado equilibrio entre ficción e realidade; ou o tratamento da igualdade de xénero son algunhas das cuestións máis destacadas polos espectadores que tiveron oportunidade de ollala dende a súa estrea en cines o 25 de novembro de 2016. Ao recoñecemento do público e crítica súmase o seu exitoso percorrido por festivais internacionais:
Top 5 da carteleira galega / Posto 22 do Top 50 da carteleira estatal
50th WorldFest-Houston International Film Festival (EE.UU.) / Mellor Filme Estranxeiro
XXI Festival du Cinéma Espagnol de Toulouse (Francia) / Mellor Actriz Protagonista para Marta Lado
54º Festival Internacional de Cine de Xixón / Sección oficial a competición
35º Festival Cinéma d’Alès-Itinérances (Francia)
O pistoletazo de saída de "SICIXIA NA PROVINCIA DA CORUÑA" terá lugar en Fisterra o vindeiro domingo, 7 de outubro, na Casa do Concello ás 19h00. Nesta ocasión, o pase de Sicixia contará coa presenza do director, Ignacio Vilar, e da actriz protagonista, a fisterrá Marta Lado, para a presentación e coloquio co público.