"Atrápalo" pretendía cobrar 1.100 € a unha familia pola cancelación dunha viaxe combinada

|

Nota de prenda de UCGAL ( Unión de Consumidores de Galicia):


Atrápalo pretendía cobrar 1.100 euros a unha familia pola cancelación dunha viaxe combinada 


Un asociado e a súa familia tiñan unha reserva para unha viaxe combinada para este mes de decembro mais, en setembro, comunicáronse coa axencia Viajes Atrápalo para cancelala por enfermidade dun dos fillos da parella.



O importe da viaxe superaba os tres mil euros e a familia xa abonara o 40% do prezo total, 1.450 euros. A sorpresa chegou cando Viajes Atrápalo informounos de que os gastos de cancelación ascendían 1.100 euros, 30 euros correspondentes aos gastos da axencia e o resto como gastos de cancelación do maiorista. Así que a devolución que lles propoñían era de 350 euros.



Desde a Unión de Consumidores de Galicia solicitamos a devolución do importe total abonado tendo en conta que a cancelación foi por causa de forza maior. A normativa prevé unha serie de gastos que o usuario debe afrontar en caso de cancelación de contrato pola súa parte mais, no suposto de tratarse dunha circunstancia de forza maior, establécese claramente que o usuario non abonará ningún concepto polo que non poden reterlle o pagado ata ese momento e deben proceder ao reembolso íntegro da contía abonada.



Cando falamos de “causa de forza maior”, referímonos a un feito que non se pode evitar nin prever e cuxa existencia libera ás partes dun contrato das súas obrigacións contractuais. Mesmo nas condicións xenerais do contrato de viaxe combinado de Viajes Atrápalo establécese que “se considerará causa de forza maior a morte, accidente ou enfermidade grave do consumidor ou dalgunha das persoas con quen conviva ou calquera suposto análogo que lle impida participar na viaxe”. Neste caso, o problema de saúde diagnosticado a un dos menores da familia é un feito completamente imprevisible e, por tanto, de forza maior.





Por todo o exposto o importe que se pretendía cobrar en concepto de gastos de cancelación non só era excesivo senón que estaba totalmente inxustificado. A intervención da UCGAL acadou o seu obxectivo: o reembolso da contía total abonada por esta familia en concepto de reserva de viaxe combinada (1450 euros).



Atrapalo