Convivencia e Medio Ambiente no IES Pedra da Aguia de Ponte do Porto-Camariñas

|

Nota de prensa


O venres pasado quedou inaugurado oficialmente o novo curso no Ies Plurilingüe Pedra da Aguia coa tradicional camiñata de convivencia na que participaron tanto profesores como alumnos, unha forma de coñecerse e facer novas amizades.


Este ano, ademais, en colaboración co Concello, a asociación Mar de Fábula e os diferentes centros educativos da zona, os alumnos implicáronse na loita contra o deterioro do medio ambiente, aproveitando o día de acción mundial pola loita contra o cambio climático.


Neste sentido, achegáronse ata a Praia de Arou para facer limpeza profunda de todos os refugallos que arrastra o mar e que se mixturan coas algas.  Tralo parón para o bocata, alumnos e profesores fixeron diversas actividades para concienciarnos de que todos somos responsables do deterioro do planeta.


O Instituto ponse en marcha  e participará novamente no programa de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo. De feito, a mediados de novembro, 24 alumnos de 4º da ESO asistirán por segunda vez este ano ao concurso Euroscola en Estrasburgo, no que se xuntarán con máis de 500 rapaces procedentes dos diferentes Estados da UE para debater sobre temas actuais. Un deles será sen dúbida algunha o medioambiente, obxectivo clave do Parlamento Europeo para o ano 2020.


Como aperitivo a esta viaxe, outros 25 alumnos de 2º da ESO tomarán parte no programa de Rutas Literarias e Científicas a finais de outubro, que os levará ata terras murcianas e granadinas.



Son so dúas actividades, pero que se multiplicarán ao longo do curso, xa que o Instituto quere seguir sendo un referente de boas prácticas, convivencia e  compromiso co medio ambiente e con Europa.


Camiñata


Recollendo lixo