O IESP Pedra da Aguia de Camariñas participa nas "Rutas científicas, artísticas e literarias do MEC"

|



O vindeiro domingo día 27 de outubro e ata o sábado 2 de novembro, un grupo de 24 alumnos e alumnas de 2º de ESO do IESP Pedra da Aguia van participar nunha ruta cultural polas provincias de Murcia, Granada, Almería e Málaga. Irán acompañados por dúas profesoras do centro: Mariví Mouzo (directora) e Silvia Lijó (L. Castelá).


O centro volveu presentar un proxecto a esta convocatoria do Ministerio de Educación, onde 16 centros de toda España serían seleccionados para participar con alumnado de 2º de ESO. O Programa “Rutas Científicas, Artísticas e Literarias” pretende ademais de dar continuación aos coñecementos recibidos polos alumnos na aula, mellorar e presentar de forma máis atractiva a formación recibida nos seus respectivos centros, a través de contornas máis experimentais e visuais. Isto favorecerá non só á súa formación artística, literaria, científica, cultural, histórica, ambiental e social, senón tamén ao seu desenvolvemento integral. A experiencia nas outras dúas ocasións foi moi positiva e enriquecedora, motivo polo que volveron a presentarse no presente curso.


No percorrido irán acompañados do alumnado de 2º de ESO do IES Ribera del Fardes de Purullena, provincia de Granada.


Desde o instituto queren agradecer a colaboración de A Mostra do Encaixe de Camariñas, que lles proporcionou os agasallos para intercambiar co instituto co que comparten ruta e ao Concello de Camariñas, que subvencionou o 15%  do custo dos desprazamentos entre o centro e os lugares de comezo e remate da actividade.




Imaxe Rutas Literarias, científicas, artísitcas do IESP Pedra da Aguia (1)