"LEMBRANZAS DE ANTAÑO" en Camariñas por Ruperto Mosquera

|


AUTOR: RUPERTO MOSQUERA

TÍTULO. "LEMBRANZAS DE ANTAÑO"


Eu nacín en Camariñas, no ano 1946, no seo dunha familia traballadora e emprendedora.


Recordo os primeiros anos, que naquelas datas "Os Reis Magos" non estaban moi sobrados de xoguetes; algunha froita, lambetadas da época e uns pouquiños tiñamos un xoguetiño (unha pistola de estalos ou una moneca as nenas). 


Por suposto, inda non chegara a televisión, e poucas radios. Os xogos dos rapaces e nenas: A rouba-lo ouro, a raia, Martín Pirulicio, escondedelas (escondite). Cando chegaba a noite, diciamos: "que hai na plasa un papel de estrasa, cada uno que se retire para su casa".


Aclarar que nós eramos do Roeiro Novo da zona da praza de toda a vida (na actualidade o parque dos nenos/as), outros do campo, Grixa, Buria, etc. Co paso do tempo, con 18 anos, uns levaban patacas (ou collianse prestadas), outros sal, pimento e peixe, e na Xesteira facimos caldeiradas; claro que cando nos atopábamos cos do Campo non acababa ben a cousa, o que derivou en xogos mais aldraxantes que remataban en liortas, algunha magulladura, e os pais nos poñían no seu sitio, inda que para o outro dia seguiamos nas nosas liortas.


Algún tempiño máis adiante, xa con mais sentidiño e algo de pedagoxía, fixeronse equipos de fútbol e xogabamos entre nós, e incluso tiñamos un equipo de balonmán de mulleres bastante bó. Comezou a chegar a televisión a nosa vila lentamente. Algún bar cobraba 1 peseta os rapaces para poder vela, e xa principiamos a ter máis información con un cambio moi importante na nosa sociedade.


Cuns aniños máis xa entramos na data da nosa vida da mocidade, salóns de baile, A Piosa, Generosa, Peruco e a sociedade cultural recreativa Casino para os socios, e por suposto as nosas festas.


Non podemos esquencernos das palilladas, xa da data dos nosos ancestros, que se xuntaban na sala dunha casa dunha veciña coas súa almofadas, con baile e xogos; cortexabanse a mozas namorandose ata chegar os casamentos.


Lembrome do ano 1956, ¡¡ nunca se vio tal cousa nun porto de mar, máis de medio metro de neve!!

Cando espertei vin a meu pai abrindose paso pola neve para avisar o veciño que tiña que matar os porcos, e non me faltou tempo para baixar a facer bolas de neve, e xogar cos outros rapaces.


Moitos din que quen lles dera volver a ser novos e saber o que saben; eu donde logo, non cambiaría inda que poidera (xa sabemos que é unha utopía), a miña mocidade, e todo o que conleva dende que naces ata que te fas ancián. Como diciamos na nosa Vila " é o que toca".


Inda que vin o mundo nunha sociedade falta de liberdade e con moitas carencias, recordo con moito agarimo esas datas de adolescencia e xuventude.


Ruperto Mosquera, texto redactado no ano 2020.


 

Foto hist 1